Thursday 31 de October de 2024

Feijóo avanza un investimento de 6 m€ para a construción da nova estación intermodal de Santiago


O presidente asegura que a Xunta conta cunha folla de ruta para a construción das estacións intermodais da Comunidade, ás que destinará 34M€

O presidente da Xunta avanzou, na rolda de prensa de Consello, que o Gobero galego investirá 6 millóns de euros na construción da nova estación intermodal de Santiago.

Segundo resaltou Feijóo na súa intervención, o Executivo autonómico conta cunha folla de ruta para a construción dos diferentes proxectos de estacións intermodais na Comunidade, para o que se destinarán 34 millóns de euros. Para isto, é imprescindible o traballo coordinado entre administracións, aseverou Feijóo ao tempo que amosou o seu compromiso por levar a cabo a parte que lle corresponde á Xunta, uns traballos que, dixo, xa están comezando a cumprirse.

Como destacou, a nova estación de autobuses forma parte dun proxecto integral coordinado con Adif, que ten por obxectivo conectar o transporte colectivo por estrada co ferroviario e unir os barrios da cidade situados a ambos os lados das vías férreas entre si e coas terminais de autobús e ferroviaria.

Esta nova estación, explicou Feijóo, vaise situar ao sur da plataforma ferroviaria, contará con 29 dársenas, 2.000 m² de edificio terminal e unha superficie total duns 12.000 m² que inclúen a estación, unha zona de taxi, bus urbano e outros ámbitos de aparcadoiro.

O presidente autonómico referiu a folla de ruta para levar a cabo esta nova infraestrutura e detallou as responsabilidades que lle corresponden a cada administración. A Xunta debe redactar o proxecto básico e de execución da estación, executar e financiar as obras para a súa edificación e modificar por mutuo acordo o contrato de xestión de servizos públicos actualmente vixente na actual estación de autobuses.

No que se refire ao Adif, este ente debe redactar o anteproxecto desta infraestrutura, que abarcará a estación de ferrocarril e a conexión coa estación de autobuses e coa rúa Clara Campoamor, redactar os proxectos básicos e de execución da parte da terminal ferroviaria na estación intermodal, desmantelar e trasladar as instalacións de mercancías localizadas na estación de ferrocarril que se vexan afectadas pola execución da nova estación.

Por último, corresponderalle ao Concello de Santiago promover e tramitar as modificacións necesarias no planeamento urbanístico para a súa adaptación ás actuacións intermodais, redactar o proxecto de remodelación da rúa Clara Campoamor e executar estas obras, poñer á disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios e continuar como concesionaria da nova estación de autobuses nas mesmas condicións do contrato de concesión da estación actual, tal e como pormenorizou o presidente galego.